Hola, cuates!Benvidos a esta terceira edición das Crónicas, con novo formato de caderno de bitácora. Espero que vos guste.
Para os que non o saiban, ata decembro estarei de estadía en León, pero non no de España, senón no de México, a uns 9000 km de nada da terriña. Destino final: o Centro de Investigaciones en Óptica, A. C. (CIO para os amigos).
Gracias aos meus vastos coñecementos de xeografía mexicana ( bon, e un pouco tamén a San Google) podo dicirvos que a cidade onde vou estar, León de los Aldama, León para os amigos, está no centro da República Mexicana, situada no estado de Guanajuato (que significa "lugar de ras" en purepecha, Amadeo dixit) entre as rexións de El Bajío Guanajuatense e os Altos de Jalisco (nooo te raaajeeeeees).
A travesía do Atlántico pasóuseme mellor do que pensaba, a pesares de que nos empacaron nun Boeing 747 de dous pisos no que dispoñíamos de menos espacio vital que nun Vitrasa. Matei o tempo lendo, durmindo e vendo unha peli francesa de timadores chamada "Ca$h", que se parece vagamente a "Nueve reinas" no argumento e imita descaradamente a "Ocean´s 11" na estética e na música, pero que a min me gustou. Ou será que, cando hai que matar o tempo (en concreto, asasinar doce horas de viaxe), un tende a non poñerse exquisito. Pode ser.
Et voilà. Xa estaba en América. Pasei por inmigración no aeroporto de México D. F., onde unha señorita moi amable me deu a benvida ao país, e por aduanas no aeroporto de León, onde outra señorita igualmente amable fixo a vista gorda á tarta de Santiago e ao xamón que levaba de regalo para Amadeo. Vendo o rexistro en toda regra que lle estaban a facer ao pasaxeiro que me precedía, xa estaba preparada para sacar a navalla suiza, abrir o xamón e cealo in situ en caso de que mo quixeran requisar, pero afortunadamente non fixo falta. Á saída estaba esperándome un empregado do CIO que me levou ao meu aloxamento, un apartamento de aspecto colonial compartido con Lupita e Alondra, dúas mexicanas amabilísimas de Puebla e México D. F., respectivamente.
E isto é todo o que teño que contar polo momento, pois durante esta fin de semana case non saín da casa. Só fun a un supermercado (filial de Wal-Mart, horreur!) para mercar de comer (por certo, vou ter que levar un diccionario) e a un centro comercial para mercar un adaptador de enchufe, pois aquí, por si non o sabíades, os enchufes teñen patas planas, e a distribución eléctrica vai a 110 voltios, 60 Hz. ¡Viva a normalización!
O pouco que vin de León durante estes desprazamentos paréceme sacado dos exteriores dunha serie estadounidense: moito coche e centros comerciais a tutiplén. Espero que esta desagradable primeira impresión se deba a que vivo nos suburbios, e se disipe cando visite zonas máis céntricas, que están como a unha media hora de donde vivo. Xa vos contarei...

No hay comentarios:
Publicar un comentario