Platillo de polo con mole poblano: 4,5 €.
Visita ao museo da Alhóndiga (con h) de Granaditos: 4 €.
Teleférico para subir ao mirador do monumento de "El Pípila": 2 €.
Ver anoitecer sobre Guanajuato tras un día radiante: non ten prezo.
Si, estimados lectores, onte sábado estiven na capital do estado, Guanajuato City. Esta foto que vos poño, que non lle fai xusticia en modo algún, mangueina vilmente dun foro de Internet para que vos fagades unha idea do aspecto desta cidade, deitada no fondo dun val e que se espalla en casiñas de todas as cores empoleiradas nas abas dos montes.
Guanajuato, en tempos precolombinos, digo eu que debeu de ser famosa polas súas ras, pois na entrada anterior xa vos dixen o que significaba este nome (Kuanasïhuato ou Quanaxhuato) en purepecha, o idioma dos indios que vivían nestes lares.
O que sí sei, pois o aprendín na Alhóndiga (edificio que foi almacén de gran, punto de inflexión na guerra da independencia mexicana, cárcere e agora museo municipal) é que, tras a chegada dos conquistadores, Guanajuato se fixo famosa polas súas minas de ouro e prata, e que unha das súas vetas, denominada Veta Madre, chegou a mandar anualmente a España un sexto de toda a prata extraída de América.
Quen escoite habitualmente o microprograma "Polvo eres", que presenta Nieves Concostrina en Radio 5 e Radio 1, quizais teña oído falar das famosas momias de Guanajuato, uns 100 cadáveres que foron enterrados no panteón municipal e que sufriron un proceso de momificación natural, probablemente debido ás condicións do terreo. Aínda que é un pouco macabro, eu traía toda a intención de visitalo, pero entre que me quedaba un pouco lonxe e o pouco entusiasmo que polo museo demostraron os meus colegas do CIO e os redactores da miña guía turística, pois ao final deixeino pasar.
Guanajuato tamén é a sede do Cervantino, un festival de teatro e artes escénicas que este ano se celebra do 8 ao 26 de outubro. Empezou con breves representacións dos Entremeses de Cervantes por parte dos alumnos da Universidade de Guanajuato e evolucionou ata ser un acontecimiento cultural de grandes dimensións, segundo din os organizadores (e un fiestódromo de dimensións aínda maiores, na opinión da miña compañeira de piso). A min non me soaba, pero seica está considerado (o festival) un dos máis importantes de Iberoamérica. A cidade, mesmo sen Cervantino, é un centro turístico de primeira orde. O sábado á tarde, o centro estaba como unha lata de sardiñas, pois se celebraba un encontro hispanomexicano de tunas na praza dos Xardíns da Unión, a carón do Teatro Juárez, un edificio que parece sacado, non me digades, dunha estampa de Viena.

Bon, pois con esta minicrónica introductoria supercultureta que me acabo de marcar despídome ata a segunda parte de esta entrada, que espero publicar esta semana antes de partir a terras michoacanas.

No hay comentarios:
Publicar un comentario