miércoles, 8 de octubre de 2008

Trópico de Cáncer

Boas noites, mundo.
Definitivamente, a fauna autóctona é o peor que ten isto de vivir por debaixo do trópico de Cáncer. E non me refiro aos mexicanos, que son o máis amable e hospitalario que hai sobre a terra; nin ás mariposas monarca, que están a piques de chegar na súa excursión anual do IMSERSO a terras michoacanas, senón a que teño unha araña de dimensións incribles compartindo habitación. Así a ollo, cinco centímetros de artrópodo cunhas mandíbulas que para si quixera Godzilla. E home, se aínda compartira gastos...
Se non recibides máis crónicas, buscade nos sucesos de "a.m." ou "La jornada" un titular do estilo de "Muere española devorada por cría de Maxilaris horribilis", ou algo así.

Chin, a ver quen durme hoxe.
PS: And the answer is... Sri Lanka. Quesito para Marys.
Foto: http://www.luisbeltran.com/

martes, 7 de octubre de 2008

Biodiversidade

Alondra e eu temos nova compañeira de apartamento dende o sábado.
Chámase Thilani e é de... o país que ten este escudo.
Vexetariana, dentista, ten que aprender español de aquí a xaneiro. SYLP.
Iso supera ao teu paquistaní, ¿eh, Oscar?.
Un quesito para o acertante desta trivial pregunta.

miércoles, 1 de octubre de 2008

Platillos mexicanos

Non podía faltar unha entrada para facer salivar aos meus queridos amigos do que poderíamos denominar -en homenaxe a Calvin e Hobbes- grupo ASCO, que neste caso non quere dicir Asociación Sen Chicas Obtusas, senón ASociación de Comedores Obsesivos. Sí, amigos, esta entrada está adicada a todos eses que nos xuntamos para cear ou comer e, ¿de que falamos?: de comida. Va por ustedeh.

Hai que dicir que todos os días como algo novo e, en xeral, moi rico. Incluso a comida do comedor do CIO está boa. Outra boa nova é que ata o de agora me fun apañando para que ningún chile me fixera saltar o padal polos aires. Espero que siga a racha. A continuación vai o top six do máis exótico que comín nestes quince días.
  • Chilaquiles con frijoles. Do chiringuito ao que vou comer a veces cando non quero ir ao comedor do CIO. Os chilaquiles son como os Doritos (sen o polviño ese laranxa que lles poñen para darlles sabor), asados nunha salsa non identificada pero que aposto algo a que levaba jitomate e chile (especial para bebés, iso si, porque só picaba un pouquichiño de nada). Ricos, aínda que logo me enterei de que son unha forma habitual de preparar as sobras... A miña nota: 6/10.
  • Polo con mole poblano. Uséase, un zanco de polo navegando en mollo típico de Puebla (localidade situada ao SE de México DF) que comín en Guanajuato, acompañado dunha cervexa Corona. Co-ro-na, nada de Coronitas. Ah, e que saibades que en España nos están roubando a punta de pistola, porque aquí costa 17 pesos, que serán uns 1,3 euros, e alá nola cobran a ¿3,5 euros?. O mole poblano fetén, de crer á miña guía turística, consta dunha mestura de máis de 50 ingredientes, pero o máis importante e característico é o chocolate. Unha mestura interesante entre o amargor do cacao e o picante do chile. Porque por suposto que levaba chile. A miña notasslurrrrrrrrrrrrp: un 8/10.
  • Quesadillas con guacamole. A miña cea en Guanajuato. Tortillas mexicanas recheas de queixo e acompañadas do guacamole máis rico (e picante) que teño probado. Guacamole: 8 puntos. Quesadillas: du puá. Ruaiominí...
  • Birria (sic) de polo. Do comedor do CIO. Preguntarédesvos que como ousei comer iso, cun nome tan alentador. Pois porque cheguei a comer ás tres menos cinco e, como me dixo a cociñeira: "Me queda pura birria de pollo. ¿Está bien?". Pois que remedio. Un plato moi digno, a pesares do seu nome. Peituga de polo en salsa picante.
  • Chile chipotle adobado. Do supermercado Superama. Interesantemente delicioso. Como comer pimentón picante prensado e conservado en vinagre. Moi efectivo para desconxestionar as vías nasais.
  • Froita varia: guayabas, papaya, tunas, carambolas, todo correctamente escrito. Tamén probei coco... espolvoreado con chile picante. Verídico, además de certo. E o caso é que estaba rico...