miércoles, 5 de noviembre de 2008

¡Vive!

Hola, queridas todas. E cando digo queridas inclúo, por suposto, aos homes.
Infórmovos de que a partires de agora espero volver a escribir con regularidade, sobre todo dende que me saíu competencia bitacorística en Gringolandia.

Aínda que teño un monte de cousas por contar, ésta é simplemente unha entrada Tranquimazín para todos aqueles que pensaban:
a) Que me devorara Ella-Laraña.
b) Que me pasara algo, así en xeral, porque o que se conta de México por aí non é moi positivo.

O certo é que non puiden dar sinais de vida por causas técnicas e atómicas. Ao exemplar de Maxilaris Horribilis (bautizado cariñosamente como "Raimunda la inmunda" por Alondra) non o volvín ver, e foi unha mágoa, porque mercara un insecticida anti-alacráns para liquidalo e logo mandarlle unha foto aos incrédulos que dubidaron das súas dimensións. A pesar de todo estou amortizando a compra, porque xa recibín a visita dunha formiga xigante, un insecto co cú rematado en media lúa e un grilazo que pretendía compartir cama, o moi dexenerado. Que descansen en paz.

O país ben, gracias. Non sei que se contará por España, pero aquí, se quitamos unha balacera polis-narcos que houbo o día en que aterricei e outra uns quince días máis tarde, todo está moi tranquilo. Parecía que ía haber rebumbio porque acaban de pasar a lei de reforma de Pemex, que ten toda a pinta de ser unha privatización encuberta, pero non vin que houbera movilizacións. Os dous últimos días, as eleccións en Estados Unidos e a morte en accidente aéreo do secretario de Gobernación (fillo do presidente do Celta) foron os temas do café. Espero que mañá sigan falando de Obama, para tomar o pulso da opinión, porque xusto hoxe á hora H tiven que reunirme co director do CIO e me perdín toda a resaca postelectoral. Snif.

Bon, agora que xa sabedes que estou ben (mala herba non perece) e que eu me quitei un pouco o síndrome de abstinencia de caderno de bitácora, vou apagar o láser e marchar para casita.
¡Órale pues!

Foto: http://danzaytradiciondemexico.blogspot.com/2008/10/feria-del-alfeique-y-dulce-regional.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario