lunes, 15 de diciembre de 2008

Home sweet home

Estimados compañeiros e sen embargo amigos, familiares, veciños, visitantes casuais... cuates todos:
Velaquí a que probablemente sexa a última entrada guanajuatense de 2008, mentras espero aterrada o momento de ter que poñerme manga longa, abrigo de lá e bufanda ata as cellas... Ai, ai, ai, iso si que vai ser un choque térmico, e non as reentradas do "Discovery" na atmósfera, só que neste caso ao revés. E se non o cren vexan, vexan, o sol radiante que entra pola ventá do meu despacho ou o panorama termométrico a luns, 15 de decembro:
  • Vigo: máxima 15 ºC, mínima 8 ºC
  • León: máxima 27 ºC, mínima 4 ºC
Mentras eu tremo por anticipado, o país está empezando a maratón Guadalupe-Reyes, máis de tres semanas de dar e tomar (sobre todo tomar) que empezaron o venres pasado, día da Virxe de Guadalupe, e rematarán o día dos Reis Magos, que por aquí seica tamén se estila.
Sabiamente, e para evitar poñerse malos con enchentas puntuais en Noiteboa, Nadal, Fin de Ano e Aninovo, os mexicanos tamén festexan os días de diario (o que lle chaman eles "ir de posadas") co que manteñen unha taxa constante de colesterol e alcohol en sangue que lle evita sobresaltos ao organismo. Extráñame que en España non teñamos adoptado xa esta medida preventiva que tanto ben lle faría ás listas de espera do Sergas (e ás finanzas de Pompas Fúnebres).

No CIO, o pistoletazo de saída da maratón celebrouse ao grande, cunha superfesta que me compensa en algo o de non chegar a tempo á cea do Departamento, snif. Houbo cea, orquesta e baile ata as catro da madrugada, con momentos impagables como ese en que medio CIO, eu incluida, bailou "No rompas más mi pobre corazón" de Coyote Dax. Sen comentarios, por favor. Alego locura transitoria, Señoría.
En realidade eu aguantei só ata as dúas, momento en que me dixeron que o rumor de que ían vir uns mariachis era totalmente infundado e se me caiu a alma aos pés. Eu, que ía preparada para aturuxar e todo, e xusto este ano non os contratan...

Devolvo a conexión, que teño que ir á biblioteca. Prometo intentar escribir máis antes de marchar, polo menos para contarvos como é León... de los Aldama.

No hay comentarios:

Publicar un comentario